Desigualdade de xénero - Wikipedia, a enciclopedia libre
A desigualdade de xénero é o fenómeno que ocorre cando un colectivo, ben sexa de xénero masculino ou feminino, ten privilexios por encima do outro, desprezando os dereitos deste último.
Co movemento feminista iniciouse un proceso de recoñecemento das achegas das mulleres, reivindicáronse os seus dereitos sexuais e o dereito a decidir sobre o seu propio corpo, analizouse a súa situación no traballo, púxose de relevancia o seu modo de ser, de ver a realidade, etc. En definitiva, deuse valor ao seu modo de ser e estar no mundo. Debemos recoñecer a importancia deste movemento sen esquecer que houbo importantes logros anteriores a favor da equidade. Lembremos, por exemplo, a loita das mulleres polo seu recoñecemento como cidadás (o voto feminino) ou a reclamación de dereitos laborais que acabou coa vida de 146 obreiras da fábrica Cotton de Nova York, o día 8 de marzo de 1908.[1]
Este recoñecemento propiciou que se produzan transformacións no ámbito do dereito, a ciencia ou a arte, visibilizando o papel das mulleres nos diversos escenarios da vida. No entanto, o recoñecemento de dereitos non foi necesariamente acompañado dunha mellora da situación das mulleres cara á igualdade. Considérase que mesmo nos países chamados 'desenvolvidos' existe unha brecha entre os dereitos e igualdades expresados formalmente e os recoñecidos realmente. Por todo iso é necesario abundar nas desigualdades de xénero existentes e realizar unha análise dende os diversos ámbitos de intervención, porque na maioría dos casos, ás desigualdades sociais existentes e sobre as que é preciso intervir súmanse as desigualdades de xénero.[2]
Pereira de Andrade sinala que o xénero máis vulnerable a sufrir discriminación é o feminino, derivado dun sistema que centra o peso de obrigacións sobre o home, chamado sistema patriarcal. Entre as consecuencias deste sistema patriarcal, atópase a chamada violencia de xénero.[3]
- ↑ "Conmemoración y resignificación". El Economista. 8 de marzo de 2016.
- ↑ Muñoz, Amador, Vicente Luis, Gimero Monreal, Carmen María (2012). Narcea Ediciones, ed. Intervención social y género. p. 7, 8. ISBN 978-84-277-1869-2.
- ↑ Pereira de Andrade, Vera Regina (1 de xullo de 2005). "A soberania patriarcal: o sistema de justiça criminal no tratamento da violência sexual contra a mulher" (PDF). Seqüência (Florianópolis, Brazil) no. 50 (en portugués). ISSN 0101-9562. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de agosto de 2017. Consultado o 24 de outubro de 2017.