Lar (deus) - Wikipedia, a enciclopedia libre
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os deuses lares[1] (latín: lares ; arcaico: lasēs , singular: lar ) foron divindades gardiás da antiga relixión romana. A súa orixe é incerta; puideron ser heroes antepasados, gardiáns do fogar ( lares domestici ), da terra ( lares rurales ), dos camiños ( lares viales ), dos límites, da fecundidade, etc.
Críase que os lares observaban, protexían e influían en todo o que acontecía dentro dos límites da súa localización ou función. As estatuas de Lares domésticos colocábanse na mesa durante as comidas familiares; a súa presenza, culto e bendición parece que eran necesarios en todos os eventos familiares importantes. Os escritores romanos ás veces identifícanos con divindades ancestrais, Penates domésticos e o fogar.
Debido a estas asociacións, os Lares ás veces son catalogados como deuses domésticos, pero algúns tiñan dominios moito máis amplos. As estradas, as vías marítimas, a agricultura, a gandería, as vilas, as cidades, o estado e os militares estaban baixo a protección do seu particular Lar ou Lares. Os que protexían os barrios locais ( vici ou vicus ) estaban aloxados nos santuarios das encrucilladas ( lares compitales ), que servían de núcleo para a vida relixiosa, social e política das súas comunidades locais, maioritariamente plebeas.
Comparado coas principais divindades de Roma, os Lares tiñan un alcance limitado, pero as evidencias arqueolóxicas e literarias acreditan o seu papel central na identidade romana e na vida relixiosa do día a día. Por analoxía, un romano con destino de volta a casa poderíase describir como regresando ad Larem (ao lar).
A pesar das prohibicións oficiais dos cultos non cristiáns a partir de finais do século IV, os cultos non oficiais aos Lares persistiron ata polo menos principios do século V.
Notas
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Lar.
- "Lar". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.