gl.wikipedia.org

Monte das Oliveiras - Wikipedia, a enciclopedia libre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O monte das Oliveiras (en hebreo: הַר הַזֵּיתִים, Har HaZeitim; en árabe, جبل الزيتون, Yabal al-Zaytun) está situado no val do Kidron, ao leste de Xerusalén. Nel, segundo a Biblia, Xesús realizaba adoito as súas oracións e mesmo se atopaba alí o día que foi arrestado.

Vista aérea do Monte das Oliveiras.

O monte das Oliveiras é considerado un dos lugares máis sagrados de Terra Santa. Alí están situadas as igrexas de Xetsemaní, Pater Noster e Dominus Flevit[1].

O monte das Oliveiras toma o seu nome das oliveiras que poboan as súas ladeiras. Na súa aba atópanse os xardíns de Xetsemaní, onde Xesús se hospedou en Xerusalén. O monte das Oliveiras é o lugar de moitos eventos bíblicos importantes. Nos Feitos dos Apóstolos noméase como o lugar desde o que Xesús ascendeu ao ceo.[2] Os soldados romanos da Décima Lexión acamparon no monte durante o sitio a Xerusalén no ano 70 a.C., que levou á destrución da cidade.

No Libro de Zacarías, o monte das Oliveiras aparece identificado como o lugar desde o que Deus comezará a redimir os mortos ao final dos tempos. Por esta razón, os xudeus sempre intentaron ser enterrados na montaña.

O cemiterio xudeu.

Desde os tempos bíblicos ata hoxe o monte serviu como cemiterio para os xudeus de Xerusalén[3]. Hai aproximadamente 150.000 tumbas no monte, incluíndo as de moitas figuras famosas como Zacarías (que profetizou alí), Yad Abxalom e moitos rabinos desde o século XV ao XX, incluíndo a Abraham Isaac Kook, o primeiro rabino xefe ashkenzani de Isarael. O primeiro ministro de Israel Menachem Begin pediu ser enterrado no Monte das Oliveiras en lugar de no Monte Herzl.[4]

O monte sufriu graves danos cando foi ocupado por Xordania entre a guerra árabe-israelí de 1948 e 1967, cando preto de 50 000 lápidas do antigo cemiterio xudeu do Monte das Oliveiras foron removidas e utilizadas para a construción, así como tamén para levantar servizos hixiénicos, incluíndo lápidas de máis de mil anos de antigüidade. Nalgúns sectores do camposanto instaláronse aparcadoiros e estacións de servizo. Foi só a partir da reunificación da cidade, despois da Guerra dos Seis Días en 1967, cando os israelís repatriaron laboriosamente tantas lápidas como lles foi posible, garantindo a liberdade de culto e o respecto polos lugares sacros de todas as relixións.[5] 

  • A tumba de Yad Abxalom.

    A tumba de Yad Abxalom.

  • A Tumba de Zacarías.

    A Tumba de Zacarías.

  • A Tumba de Benei Hezir.

    A Tumba de Benei Hezir.

  • A Tumba de Hulda.

    A Tumba de Hulda.

  • Tumba dos profetas Axeo, Zacarías e Malaquías.

    Tumba dos profetas Axeo, Zacarías e Malaquías.

  • Tumba da filla do Faraón.

    Tumba da filla do Faraón.

  • Necrópole do Val de Kidron.

    Necrópole do Val de Kidron.

  • Basílica das Nacións.

    Basílica das Nacións.

  • Igrexa ortodoxa rusa de Santa María Madalena.

    Igrexa ortodoxa rusa de Santa María Madalena.

  1. Il faut sauver le mont des Oliviers. En The Jerusalem Post. 25 de febreiro de 2014.
  2. Feitos 1:9-12. En Bible Gateway.
  3. Mount of Olives Jewish Cementery Arquivado 20 de marzo de 2012 en Wayback Machine.. En "Israel Land and Creation".
  4. The good jailer[Ligazón morta]
  5. Schvindlermann, Julián. Jerusalén y el Islam. En Libertad Digital.