obarbanza.gal

Bexo celebra este sábado a Festa da Eira da Malla

  • ️S.P.
  • ️Wed Jan 17 2024

Este mes de xaneiro o lugar de Bexo (San Xoán de Laíño, concello de Dodro) celebra as súas festas. Comezaron este luns 15 de xaneiro, na honra de San Amaro, e incluíron dianas e alboradas e unha misa cantada ao mediodía na capela de San Amaro, a cargo do grupo Os Sentenarios. As festas proseguen o sábado 20 de xaneiro, coa Festa na Eira da Malla, a partir das 17.00 horas. Segundo informa a organización, contarase con carpa, baño e cantina, e haberá bebida e comida e prezos populares. Tamén se poderá degustar o tradicional Caldo de San Amaro, feito na mesma Eira da Malla. O programa inclúe igualmente obradoiros, charlas e música en directo a longo de toda a tarde.

Días máis tarde, o 25 de xaneiro haberá tamén actividades festivas na honra da Virxe do Belén. A xornada comezará con dianas a partir das 9.00 horas e cunha misa cantada na capela de San Amaro, novamente co grupo Os Sentenarios (a partir das 12.00 horas).

O programa festivo conta coa colaboración (entre outras entidades) do Concello de Dodro, que días antes do inicio das actividades e dentro do programa de limpeza impulsado polo Goberno municipal, procedeu á limpeza da Eira da Malla para que a veciñanza poida celebrar estas festas.