web.archive.org

Imperio Otomán - Wikipedia, a enciclopedia libre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

دَوْلَتِ عَلِيّهٔ عُثمَانِیّه
Imperio Otomán
Lema: دولت ابد مدت
(Turco otomán: O Estado eterno)
Himno: Himno Imperial Otomán

Extensión do imperio entre 1300 e 1683
Capital · Söğüt (12991326)
· Bursa (13261365)
· Edirne (13651453)
· Constantinopla (14531922)
Lingua Turco otomán
Relixión Sunnismo (Islam)
Goberno Monarquía absoluta
Monarquía constitucional (1876-1878 e 1908-1922)
Sultán
 • 1299-1326 Osmán I (primeiro)
 • 1918-1922 Mehmed VI (derradeiro)
Gran Visir
 • 1320–31 (primeiro) Alaeddin Pasha
 • 1920–22 (derradeiro) Ahmed Tevfik Pasha
Historia
 • Fundación 1299
 • Interregno 1402–1413
 • Trat. Lausana 24 de xullo de 1923
Superficie
 • 1680 5,500,000 km²
 • 1914 1,800,000 km²
Poboación
 • 1680 est. 35,350,000 
     Densidade 6,4/km²
 • 1856 est. 35,350,000 
 • 1906 est. 20,884,000 
 • 1912 est. 24,000,000 
Moeda Akçe - Kuruş - Lira - Sultani

O Sublime Estado Otomán (en turco otomán: دَوْلَتِ عَلِيّهٔ عُثمَانِیّه, Devlet-i ʿAliyye-yi ʿOsmâniyye, tamén عثمانلى دولتى Osmanlı Devleti, en turco: Yüce Osmanlı Devleti ou Osmanlı İmparatorluğu) foi un imperio que durou dende o 27 de xullo de 1299 até o 29 de outubro de 1923. Foi habitualmente coñecido polos seus contemporáneos como Imperio Otomán, Imperio Turco, a Sublime Porta ou, máis comunmente, Turquía. Dende 1923, úsase preferentemente o nome de Imperio Otomán para non crear confusión coa actual República de Turquía.

No cumio do seu poder, nos séculos XVI e XVII, controlaba territorios no sueste de Europa, suroeste de Asia e norte de África. O Imperio Otomán estaba formado por vinte e nove provincias e numerosos estados vasalos, algúns dos cales chegaron a ser absorbidos completamente polo imperio, mentres que a outros foilles concedido certo grao de autonomía no transcurso dos séculos. O imperio gañou tamén eventualmente autoridade sobre terras estranxeiras afastadas a través de declaracións de lealdade ao Sultán, como por exemplo a declaración do Sultán de Aceh en 1565, ou a través de adquisicións temporais de illas, como por exemplo Lanzarote no océano Atlántico en 1585.

Con Constantinopla (en turco otomán: استنبول, Istanbul e قسطنطينيه, Kostantiniyye) como capital, e control de extensión de terra por todo o mar Mediterráneo durante o reinado de Suleimán o Magnífico (dirixente de 1520 a 1566), o imperio foi o centro de interaccións entre o mundo Occidental e Oriental durante seis séculos. O imperio chegou á súa fin, como réxime baixo a monarquía imperial, o 1 de novembro de 1922, rematando a súa existencia de iure o 24 de xullo de 1923 baixo o Tratado de Lausana. Foi sucedido pola República de Turquía, que foi oficialmente proclamada o 29 de outubro dese mesmo ano.

Expansión[editar | editar a fonte]

Os otománs chegaron a Anatolia como parte do caudal de pobos turcos desaloxados polas invasións mongois do século XIII. O seu primeiro gobernante coñecido foi Orhan, quen foi fillo de Osmán (ou Utmán I Gazi), de quen deriva o nome do imperio. Os otománs instaláronse en Brusa, e conquistaron a cidade bizantina de Nicea en 1326. Posteriormente, iniciaron unha serie de campañas militares que puxeron a totalidade dos Balcáns baixo o seu control, en particular despois da derrota dos cabaleiros cruzados na Batalla de Nicópolis de 1396. A derrota dos otománs na Batalla de Angora (na que Tamerlán capturou a Baiaceto o Raio) atrasou un tempo a súa ascensión, que foi retomada a mediados do século XV. Mehmed II ou Mahomet II o Conquistador conquistou Constantinopla en 1453 e destruíu finalmente o Imperio Bizantino, levando as fronteiras otománs ata Europa Central. No entanto, o avance otomán nesta dirección terminou cando Suleimán o Magnífico fracasou no sitio de Viena, en 1529. En Oriente, pola súa banda, o ascenso do Imperio Safavida obrigara a Selim I a guerrear con Persia, o que o motivou a conquista de Exipto (1517). O Imperio Otomán acadou a súa máxima extensión xeográfica con Suleiman, que foi a época de ouro do Imperio.

Organización[editar | editar a fonte]

Interiormente, os otománs organizaron o seu imperio non segundo o principio territorial, senón polo principio poboacional. Desta maneira, o imperio foi repartido entre musulmáns, cristiáns ortodoxos, xudeus, zoroastrianos etcétera, cada un dos cales conformaba un millet coa súa propia autoridade a cargo. A nobreza otomá estaba por riba dos raiyeh (literalmente, o 'rabaño'), pero non tivo cargos no goberno ata que a súa presión obrigou a Suleimán o Magnífico a admitilos, a mediados do século XVI. A administración otomá estaba en mans dunha Casa de escravos, que era recrutada entre os non musulmáns, e educada dende a infancia para ocupar cargos directivos. Incluso ata o visir do sultán era un escravo.

Decadencia[editar | editar a fonte]

A decadencia otomá comezou despois da morte de Solimán o Magnífico, en 1566. Unha serie de gobernantes ineptos fixeron florecer as intrigas de palacio, ata que a acción combinada do sultán Murad IV (ou Amurates IV) e da Casa de Koprulu motivou unha intensa reforma administrativa. Porén, o Imperio Otomán sufriu un serio revés cando comprometeu tódolos seus recursos nun novo asalto a Viena, que fracasou en 1683 grazas á dura resistencia dos polacos.

A partir de entón, os otománs descubriron que o seu poderío militar (baseado na disciplina da infantería de xanízaros e a cabalería de sipahis) estaba a naufragar, e decidiron abrirse á diplomacia occidental. Desta maneira, os comerciantes cristiáns de Constantinopla (os fanariotas) abríronse paso na administración otomá. Este proceso durou todo o século XVIII, pero motivou o xurdimento da Grande idea de substituír o Imperio Otomán por un Imperio Grego. Os gregos alzáronse en armas a comezos do século XIX e obtiveron a súa independencia en 1823, pero xamais chegaron a concretar a Grande idea. Os otománs volvéronse máis fanaticamente musulmáns que nunca, e enredáronse irremisiblemente no xogo político das potencias coloniais de Occidente, ó tempo que sobrevivía ás sublevacións que os seus propios novos oficiais, educados na arte da guerra occidental, promovían en nome deses mesmos valores occidentais que recibiran. O "home enfermo de Europa", como se cualificou ó imperio, sobreviviu aínda tres cuartos de século máis, grazas ó apoio de Inglaterra (que precisaba os otománs para contrarrestar as ambicións de Rusia de alcanzar o mar Mediterráneo). Isto non impediu que os otománs perdesen virtualmente a administración de Exipto, ó tempo que os pobos cristiáns dos Balcáns (Serbia, Croacia, Bulgaria e Romanía) se foron independizando un detrás doutro.

Final[editar | editar a fonte]

Finalmente, durante a Primeira Guerra Mundial, o Imperio Otomán aliouse coa Tripla Alianza conformada por Alemaña, Italia e Austria. Após a derrota dos Imperios centrais, o Imperio Otomán (gravemente socavado polo despertar árabe apoiado polos ingleses de T. E. Lawrence) desplomouse na anarquía. O primeiro presidente de Turquía, Kemal Ataturk, simplemente aboliu o Sultanato, e renunciou á idea imperial, polo que a historia do Imperio Otomán acadou a súa fin en 1924.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

P history.svg

A Galipedia ten un portal sobre: Historia

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Historia de Anatolia

Imperios Antigos
Imperios Medievais
Imperios Modernos
Identificadores