Zambia - Wikipedia, a enciclopedia libre
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coordenadas: 15°S 30°L / -15, -30
República de Zambia | ||
---|---|---|
Republic of Zambia | ||
| ||
Lema: “One Zambia, One Nation” (inglés: «Unha Zambia, Unha Nación») | ||
Capital • Poboación | Lusaka 1 640 000 (2000) | |
Cidade máis poboada | Lusaka | |
Linguas oficiais | Inglés1 | |
Forma de goberno | República presidencialista | |
Presidente | Edgar Lungu Inonge Wina | |
Independencia do Reino Unido | 24 de outubro de 1964 | |
Superficie | Posto 38º | |
• Total | 752 614 km² | |
• % auga | 1 | |
Fronteiras | 5 664 km | |
Costas | 0 km | |
Poboación | Posto 81º | |
• Total (2003) | 9 582 418 hab. | |
• Densidade | 13 hab./km² | |
PIB (nominal) | ||
• Total | n/d | |
• per cápita | n/d | |
PIB (PPA) | Posto 136º | |
• Total (2005) | 10 568 mill. US$ | |
• per cápita | 911 US$ | |
Moeda | Kwacha zambiano (ZMK ) | |
IDH | n/d | |
Xentilicio | Zambiano, zambiana[1] | |
Fuso horario | UTC+2 | |
• Horario de verán | Non aplica | |
Dominio de Internet | .zm | |
Prefixo telefónico | +260 | |
Prefixo radiofónico | 9IA-9JZ | |
Código ISO | 894 / ZMB / ZM | |
Membro de: Commonwealth, ONU, UA | ||
Zambia[1][2] é un país interior de África, limitado a norte coa República Democrática do Congo e Tanzania; a leste co Malaui; a sur co Mozambique, Cimbabue, Namibia e Botswana; e a oeste coa Angola.
Índice
Historia[editar | editar a fonte]
Visitada polos portugueses no século XVIII, a actual Zambia foi explorada polo británico David Livingstone. A penetración colonial iniciouse no ano 1890, por medio da British South Africa Company.
Antigamente chamada Rodesia do Norte, en 1953 o Reino Unido intentou unila á Cimbabue e Malawi, pero os intereses dos colonos brancos de Cimbabue fixeron que en 1964 se separase, formando o novo estado de Zambia. O nome de Zambia débese ó río Zambeze.
Goberno e Política[editar | editar a fonte]
Zambia é unha república, na que o poder executivo reside no presidente -que é tamén o xefe de estado- e o primeiro ministro, elixido por un período de cinco anos por voto popular, xunto có vicepresidente xeral, designados ambos polo presidente. O goberno está composto por un gabinete elixido polo presidente entre os membros da Asemblea Nacional. O poder lexislativo é unicameral; o país non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. O poder xudicial reside na corte suprema, aínda que os xuíces son designados polo presidente.
Economía[editar | editar a fonte]
A economía depende, en gran medida, do cobre, mineral do que Zambia é un dos primeiros produtores mundiais e que representa o 90% do valor das exportacións. Este país pertence ao chamado "cinto de cobre", prolongación dos xacementos de Katanga O petróleo é importado e chega desde o porto de Dar es Salaam (Tanzania). Dentro do sector industrial destaca o tratamento de minerais (sobre todo o refino do cobre). Tamén é importante a produción de cemento e as industrias derivadas da agricultura: aceites vexetais, manufacturas do algodón, azucre, xabón etc.
A agricultura atópase pouco desenvolta, centrándose basicamente nos cultivos de subsistencia: batata, cacahuetes, millo e mandioca. Tamén presenta cultivos de carácter comercial (algodón, café, cana de azucre, tabaco). Nos lagos e cursos fluviais practícase a pesca.
O turismo internacional, buscando os espazos naturais do país, constitúe unha importante fonte de ingresos.
Organización político-administrativa[editar | editar a fonte]
![]() | ||
---|---|---|
![]() Provincias de Zambia |
|
Xeografía[editar | editar a fonte]
Zambia é un país interior sen saída ao mar. O seu territorio é fundamentalmente montañoso e presenta numerosas depresións e afundimentos tectónicos. O punto máis alto atópase nas montañas Mafinga a 2.301 m, e o máis baixo a 329 m no río Zambeze, que da nome ó país. A altitude media non supera os 1.500 m, e as depresións son frecuentemente de carácter pantanoso, e están ocupadas por ríos coma o Kafue, afluente do Zambeze, ou por lagos, coma o Bangüelo (Bangweulu), Moero (Mweru), e Kariba. No leste do país, e en dirección nordeste-suroeste, esténdense os montes Muchinga, que se elevan ata os 2.164 m.
Os cursos fluviais principais son o río Zambeze, o Kafue e o Luangwa. Ao sur do país, no río Zambeze, facendo fronteira con Cimbabue, atópanse as cataratas Victoria. As cataratas constitúen un dos principais focos turísticos da África austral en Cimbabue e tamén da rexión de Livingstone en Zambia.
O clima é tropical, suavizado pola altura. As oscilacións térmicas estacionais varían entre os 15 °C (xullo) e os 20 °C (xaneiro).
Demografía[editar | editar a fonte]
A poboación zambiana concentrase no alto Zambeze e ao longo do corredor da vía férrea norte-sur, onde se emprazan as cidades deste país, un dos máis urbanizados da África negra. Agás na capital, Lusaka, o resto de principais urbes están na rexión mineira próxima á R.D. do Congo.
No ano 2006, Zambia tiña unha poboación de 11.500.000 habitantes. O 99% é de raza negra e o restante é de raza branca (europeos ou descendentes). O idioma oficial é o inglés. A esperanza de vida é de 40 anos. A media de fillos por muller é de 5.39. O 80% da poboación está alfabetizada. Calcúlase que o 16.5% da poboación está infectada có virus do VIH.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para zambiano.
- ↑ Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. p. 119. ISBN 84-8158-266-2.
Países |
|
---|---|
Países con parte africana | |
Outros territorios |
|