Lingua latina - Wikipedia, a enciclopedia libre
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Latín Lingua latina | |
---|---|
Falado en: | Cidade do Vaticano. |
Rexións: | Orixinalmente na Península Itálica, logo na zona de influencia do Imperio Romano e toda Europa Occidental. |
Total de falantes: | — |
Familia: | Indoeuropea Itálico Latín |
Escrita: | Alfabeto latino |
Estatuto oficial | |
Lingua oficial de: | Cidade do Vaticano |
Regulado por: | Opus Fundatum Latinitas |
Códigos de lingua | |
ISO 639-1: | la
|
ISO 639-2: | lat |
ISO 639-3: | lat
|
SIL: | LTN
|
Caligrafía nunha Biblia en Latín do ano 1407 que se atopa en Malmesbury Abbey, Wiltshire, Inglaterra. A Biblia foi escrita a man en Bélxica por Gerard Brils, para ser lida nun mosteiro.
O latín[1] é unha lingua indoeuropea morta que foi utilizada polos antigos romanos. Mantívose como lingua litúrxica da relixión católica, e aínda é oficial no Vaticano, factores polos que era aprendida polos cregos e falada nos seminarios. Por extensión, o adxectivo latino, latina emprégase para designar ás persoas que proceden de países con linguas neolatinas (que proceden do latín) ou que falan estas linguas. En termos xerais, úsase en Europa para designar ós habitantes meridionais e nos EUA e España para designar ós habitantes de procedencia iberoamericana.
Índice
Historia[editar | editar a fonte]
O lugar ancestral da lingua latina corresponde exactamente ao Vetus Latium, unha rexión considerabelmente moito menor do que hoxe é a Italia. Estaba limitada polo río Tíber ao norte, polo curso baixo do río Anio a nordeste, pola cadea dos Apeninos a leste, polo territorio Volsciano ao sur e polo mar Tirreno a oeste. Cando a influencia militar e política de Roma se espallou, a lingua latina tamén se difundiu tanto nas cidades como nas zonas rurais, mesmo que con características dialectais propias.
Hai unha serie de datas que marcan a expansión de Roma e con elas a súa lingua: en 241 a.C. Sicilia tórnase provincia romana; en 238 a.C. tamén a Sardeña e a Córsega; en 197 a.C. a Hispania; en 146 a.C. a África; en 167 a.C. a Iliria; en 120 a.C. a Galia Meridional; en 50 a.C. a Galia Setentrional; en 15 a.C. a Retia e por último, en 107 d.C. baixo Traxano, a Dacia.
O propio nome de Roma non só non é latino, probabelmente nin sequera sexa indoeuropeo, probabelmente derivado do xentilicio etrusco Ruma[Cómpre referencia], sendo o adxectivo latinus un derivado do topónimo Latium (que pode significar comarca plana en oposición á montañosa Sabina).
Desde o punto de vista lingüístico, o latín forma parte da familia indoeuropea, na cal representa unha área marxinal do grupo de linguas kentum.
Xuntamente co osco, umbro e falisco pertence ao ramo itálico das linguas indoeuropeas.
Historicamente, os seus períodos pódense dividir así:
- Preclásico, do século VII a.C. ao século II a.C. As inscricións máis antigas proceden do século VII a.C. Nos séculos III e II a.C. a literatura fai súa aparición, baixo influencia grega (Plauto, Terencio).
- Clásico, do século II a.C. ao século II d.C. A idade dourada da literatura latina.
- Latín vulgar, incluíndo o período patrístico, do século II ao V d.C., onde se inclúe a Vulgata de San Xerome e as obras de Santo Agostiño.
- Latín medieval, do século VI ao século XIV. A literatura latina continúa mais xorden as linguas romances.
- Do século XV até agora. Redescuberta do latín da idade dourada no Renacemento. O latín vulgar continúa sendo usado polos eruditos ata o século XVII, como Isaac Newton, e pola igrexa católica latina (obrigatorio ata mediados do século XX).
Aínda despois da transformación do latín vulgar en linguas romances, o latín continúa fornecendo un repertorio de raíces para moitos campos semánticos, especialmente culturais e técnicos, para unha ampla variedade de linguas.
Moitas linguas europeas derivan directamente do latín, as linguas romances, como galego, o portugués, o castelán, o catalán, o occitano, o francés, o italiano, o romanche, o romanés etc. Outras linguas teñen unha grande influencia do latín no seu vocabulario, como o albanés (por proximidade) ou o inglés (pola intermediación do francés antigo). O latín foi durante séculos a lingua de cultura e a da igrexa católica. A súa influencia en Europa fíxose sentir nun gran número de linguas.
Latín medieval[editar | editar a fonte]
Fálase ás veces de baixo latín para designar o latín de antes da Idade Media. Para a Idade Media en si pódese falar de latín medieval, por oposición estes dous termos ó latín clásico de Cicerón.
Moitos termos xermánicos son incluídos no vocabulario. Un certo número de termos clásicos adquiren un senso relixioso no contexto da Cristiandade (credo por exemplo) que non tiñan na época antiga.
Morfoloxía[editar | editar a fonte]
A morfoloxía do latín é a dunha lingua moi flexiva.
Os substantivos[editar | editar a fonte]
Teñen:
- dous números como en galego: singular e plural;
- tres xéneros: masculino, feminino e neutro (non existente en galego) (Listado de vocábulos latinos con xénero neutro).
- cinco declinacións;
- o latín clásico ten seis casos: nominativo, vocativo, acusativo, xenitivo, dativo e ablativo.
O adxectivo[editar | editar a fonte]
Hai dúas clases de adxectivos, que marcan mediante flexión os diferentes graos: comparativo e superlativo.
O verbo[editar | editar a fonte]
Conxúgase segundo:
- catro conxugacións;
- dúas voces (activa e pasiva), co caso particular dos verbos depoñentes (forma pasiva pero senso activo);
- seis modos (infinitivo, indicativo, subxuntivo, imperativo, xerundio e participio) así como as formacións secundarias como o supino e o adxectivo verbal;
- seis tempos (presente, perfecto, imperfecto, pluscuamperfecto, futuro simple e futuro anterior).
Diferenzas lexicais entre o latín clásico e o vulgar[editar | editar a fonte]
O latín vulgar crea derivados:
- latín clásico APIS → latín vulgar APĬCŬLA → abella
- GENU → GENUCULU → xeonllo
- OVIS → OVĬCŬLA → ovella
- UTI → USĂRE (USUS) → usar
- AUDĒRE → *AUSĀRE (AUSUS) → ousar
Variantes vulgares fronte ás formas clásicas:
- SUBFERRE → *SŬFĔRĔRE → sufrir
- SOCRUS → SŎCRA → sogra
- DIES → *DIA → día
- POSSE → *PŎTĒRE
Palabras diferentes entre o latín clásico e o vulgar, de orixes diversas pola composición heteroxénea do imperio:
- LOQUI, FARI → FABULARE → falar
- DOMUS → CASA → casa
- OS → BŬCCA → boca
- OSCULUS → BASIUS → beixo
- INVENIRE → AFFLARE → achar
Con todo, o latín vulgar xa traía grecismos e xermanismos incorporados no seu sistema que conformaban o adstrato do latín:
- CAPUT → CARA → cara
- GLADIS → SPATHA → espada
- FUNIS → CHORDA → corda
- LAPIS → PETRA → pedra
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para latín.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Buck, Carl Darling (1904). A grammar of Oscan and Umbrian, with a collection of inscriptions and a glossary. Boston: Ginn & Company.
- Clark, Victor Selden (1900). Studies in the Latin of the Middle Ages and the Renaissance. Lancaster: The New Era Printing Company.
- Diringer, David (1996) [1947]. The Alphabet – A Key to the History of Mankind. New Delhi: Munshiram Manoharlal Publishers Private Ltd. ISBN 81-215-0748-0.
- Herman, József; Wright, Roger (Translator) (2000). Vulgar Latin. University Park, PA: Pennsylvania State University Press. ISBN 0-271-02000-8.
- Jenks, Paul Rockwell (1911). A Manual of Latin Word Formation for Secondary Schools. New York: D.C. Heath & Co.
- Palmer, Frank Robert (1984). Grammar (2nd ed.). Harmondsworth, Middlesex, England; New York, N.Y., U.S.A.: Penguin Books. ISBN 81-206-1306-6.
- Sihler, Andrew L (2008). New comparative grammar of Greek and Latin. New York: Oxford University Press.