Lingua islandesa - Wikipedia, a enciclopedia libre
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Islandés 'íslenska' | |
---|---|
Falado en: | Islandia |
Rexións: | Noroeste de Europa |
Total de falantes: | 300 mil |
Familia: | Indoeuropea Xermánica Setentrional Escandinava occidental Islandés |
Estatuto oficial | |
Lingua oficial de: | Islandia |
Regulado por: | Instituto da Lingua Islandesa (Íslensk málstöð) |
Códigos de lingua | |
ISO 639-1: | is
|
ISO 639-2: | isl |
ISO 639-3: | isl
|
SIL: | ICE
|
A lingua islandesa[1] é un idioma escandinavo occidental, da familia das linguas xermánicas setentrionais. A súa orde de constituíntes é S-V-O. É falada por arredor dun cuarto de millón de persoas na illa de Islandia.
Índice
Alfabeto[editar | editar a fonte]
O alfabeto islandés está formado por 32 letras do alfabeto latino que foi introducido arredor do ano 1000, desprazando ao rúnico. Das 26 letras do mencionado alfabeto son excluídas catro: C, Q, W e Z, pero agréganse 7 vogais con signo diacrítico: Á, É, Í, Ó, Ú, Ý, Ö e 3 letras: Ð/ð, que é unha fricativa dental sonora; Þ/þ, que é unha fricativa dental xorda e o dígrafo Æ/æ que se pronuncia coma o ditongo [ai].
O Z foi derrogado en 1974, sendo substituído polo S (que tiña a mesma pronunciación). A pesar disto, aínda quedan algúns falantes que se resisten a abandonar aquela letra e incluso un dos maiores periódicos islandeses, o Morgunblaðið, sostén esa postura.
A / a | Á / á | B / b | D / d | Ð / ð | E / e | É / é | F / f |
G / g | H / h | I / i | Í / í | J / j | K / k | L / l | M / m |
N / n | O / o | Ó / ó | P / p | R / r | S / s | T / t | U / u |
Ú / ú | V / v | X / x | Y / y | Ý / ý | Þ / þ | Æ / æ | Ö / ö |
Fonoloxía e fonética[editar | editar a fonte]
Partindo da ortografía, unha vogal non se pronuncia igual se está acentuada ou non: non é o mesmo a que á e u tampouco igual ca ú (e igual para e-é, i-i, o-ó ou y-ý). Son especiais as vogais æ e ö. Outros signos propios da escrita islandesa son as consoantes Ð (ð) e Þ (þ), que se retrotraen dos moi antigos tempos do saxón arcaico (Rasmus Rask, o creador do alfabeto islandés, adoptouno dun tratado do século XII): o primeiro soa coma o primeiro fonema inglés de the e o segundo coma thin (o z galego). Ten 32 letras na súa escrita.
Consoantes[editar | editar a fonte]
Bilabial | Labio- dental |
Dental | Alveolar | Palatal | Velar | Glotal | ||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Oclusiva | pʰ | p | tʰ | t | cʰ | c | kʰ | k | ʔ | |||||
Nasal | m̥ | m | n̥ | n | ɲ̊ | ɲ | ŋ̊ | ŋ | ||||||
Fricativa | f | v | θ | ð | s | ç | j | x | ɣ | h | ||||
Vibrante Múltiple | r̥ | r | ||||||||||||
Aproximante Lateral | l̥ l̥ɣ | l lɣ |
Vogais[editar | editar a fonte]
Monoptongos | Anterior | Posterior |
---|---|---|
Pechada | i | u |
Semipechada | ɪ • ʏ | |
Semiaberta | ɛ • œ | ɔ |
Aberta | a |
Onde os símbolos aparecen en pares, aquel á dereita do punto representa unha vogal redondeada.
Ditongos | O compoñente máis pechado é anterior |
O compoñente máis pechado é posterior |
---|---|---|
O compoñente máis aberto é medio | ei • øy | ou |
O compoñente máis aberto é aberto | ai | au |
Cantidade vocálica[editar | editar a fonte]
A cantidade é a duración das vogais, ditongos e sílabas naquelas linguas indoeuropeas caracterizadas como linguas cuantitativas.
En islandés os monotongos e ditongos tónicos son longos nos siguintes casos:
- En palabras monosílabas cando a vogal vai no final da palabra:
- fá [fauː] «recibir»
- nei [neiː] «non»
- þú [θuː] «ti»
- Ante unha soa consoante:
- fara [ˈfaːra] «ir»
- hás [hauːs] «rouco»
- vekja [ˈvɛːca] «espertar»
- ég [jɛːɣ] «eu»
- spyr [spɪːr] «pregunto»
- Ante calquera destes grupos [pr tr kr sr], [pj tj sj], ou [tv kv]. Excepción: se hai un t ante o infixo k. Verbigracia notkun e litka. Existen tamén excepcións adicionais coma um e fram, onde a vogal é curta a pesar das regras e en, onde a lonxitude da vogal depende do contexto.)
- lipra [ˈlɪːpra] «á áxil»
- sætra [ˈsaiːtra] «dos doces»
- akra [ˈaːkra] «aos campos»
- hásra [ˈhauːsra] «deos roucos»
- vepja [ˈvɛːpja] «chorlito»
- letja [ˈlɛːtja] «disuadir»
- Esja [ˈɛːsja] topónimo dunha montaña
- götva [ˈkœːtva] coma en uppgötva «descubrir»
- vökva [ˈvœːkva] «regar»
Ante outros grupos consonánticos (incluídos os oclusivos preaspirados [hp ht hk] e consoantes xeminadas, as vogais acentuadas son curtas. As vogais átonas son sempre breves.
- Karl [kʰartl̥] «Carlos»
- standa [ˈstanta] «estar de pé»
- sjálfur [ˈsjaulvʏr] «(un) mesmo»
- kenna [ˈcʰɛnːa] «ensinar»
- fínt [fin̥t] «fino»
- loft [lɔft] «aire»
- upp [ʏʰp] «arriba»
- yrði [ˈɪrðɪ] coma en nýyrði «neoloxismo»
- ætla [ˈaiʰtla] «desexar»
- laust [løyst] «lixeiramente»
(Nota: en islandés o acento recae sempre na primeira sílaba.)
Gramática[editar | editar a fonte]
O islandés é unha lingua declinable con catro casos gramaticais: nominativo, acusativo, dativo e xenitivo. Os substantivos islandeses poden ter un dos tres xéneros gramaticais, masculino, feminino ou neutro. Os substantivos, adxectivos e pronomes son declinables en catro casos e dous números, singular e plural.
Morfoloxía[editar | editar a fonte]
A morfoloxía islandesa conserva gran parte da estrutura do xermánico antigo. Os substantivos declínanse por caso, número e xénero, os adxectivos por caso, número, xénero e comparación, habendo soamente dúas declinacións para os adxectivos, débil e forte. O islandés posúe só o artigo definido, o cal pode ir só ou pegado ao substantivo. Os verbos conxúganse segundo tempo, modo, persoa, número e voz. Existen tres voces: activa, pasiva e medial, non obstante pode debaterse si a voz medial é unha voz ou simplemente é unha clase independente de verbos. Hai dous tempos, pasado e presente; para elaboralos hai certo número de construcións auxiliares.
Os substantivos[editar | editar a fonte]
(Véxase tamén nomes débiles).
Os substantivos islandeses son similares ao nórdico antigo, tanto na forma coma na inflexión. Declínanse nos catro casos antes mencionados, e varían en xénero e número. Hai dúas declinacións principais para cada xénero: substantivos fortes e febles. Existen numerosas declinacións diferentes. Aquí un exemplo das declinacións "regulares" nos tres xéneros.
Glas = vaso, gler= cristal. Etimoloxicamente son a mesma palabra, pero glas é un préstamo e gler é nativa. O (j) na declinación de gler quere dicir que o j é unha intrusión tardía.
número | caso | masculino | feminino | neutro | neutro |
---|---|---|---|---|---|
singular | nom. | hattur | borg | glas | gler |
ac. | hatt | borg | glas | gler | |
dat. | hatti | borg | glasi | gleri | |
xen. | hatts | borgar | glass | glers | |
plural | nom. | hattar | borgir | glös | gler |
ac. | hatta | borgir | glös | gler | |
dat. | höttum | borgum | glösum | gler(j)um | |
xen. | hatta | borga | glasa | gler(j)a |
O xénero dun substantivo pode ás veces ser recoñecido observando a terminación:
- Substantivos masculinos—normalmente rematan en -ur, -i, -ll ou -nn
- Substantivos femininos—ídem -a, -ing ou -un
- Substantivos neutros—se a última letra da palabra ten un acento agudo (´), entón é xeralmente neutro.
Existen algúns substantivos, tal como leikfimi (ximnasia) que non son declinables.
Os artigos[editar | editar a fonte]
O islandés non ten un artigo indefinido (un/unha, o a/an inglés), e o artigo definido (o/a, o the inglés ou der/die/das alemán) únese ao final da palabra en cuestión. A seguinte táboa amosa as formas habituais de sufixación do artigo definido:
Sen artigo | Artigo definido | ||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
masculino | feminino | neutro | masculino | feminino | neutro | ||||||
sing. | plu. | sing. | plu. | sing. | plu. | sing. | plu. | sing. | plu. | sing. | plu. |
-ur | -ar | -0 | -ir | -0 | -0 | -urinn | -arnir | -0in | -irnar | -0ið | -0in |
-i | -inn | ||||||||||
-ll | -a | -ur | -llinn | -an | -urnar | ||||||
-nn | -nninn |
O exemplo de abaixo amosa tres substantivos, un para cada xénero, declinado en nominativo:
- masculino: hvalur—“(unha) balea” convértese en hvalurinn—“a balea”
- feminino: klukka—“(un) reloxo” convértese en klukkan—“o reloxo”
- neutro: heimilisfang—“(un) enderezo” convértese en heimilisfangið—“o enderezo”
Pronomes[editar | editar a fonte]
Persoais[editar | editar a fonte]
Os pronomes persoais en islandés son como seguen:
caso | 1ª persoa | 2ª persoa | 3ª persoa | |||
---|---|---|---|---|---|---|
singular | nom. | ég | þú | hann | hún | það |
ac. | mig | þig | hann | hana | það | |
dat. | mér | þér | honum | henni | því | |
xen. | mín | þín | hans | hennar | þess | |
plural | nom. | við | þið | þeir | þær | þau |
ac. | okkur | ykkur | þá | þær | þau | |
dat. | okkur | ykkur | þeim | |||
xen. | okkar | ykkar | þeirra |
A terceira persoa do plural ten igualmente os tres xéneros. Ao referirse a un grupo de persoas no que se atopan homes e mulleres úsase a forma neutra. Coma en inglés, o pronome normalmente vai antes que o verbo:
Ég heiti Magnús — Chámome Magnús A orde da frase pode ser invertida. Neste caso, coma en todas as linguas xermánicas (agás o inglés moderno), o verbo ten que ocupar obrigatoriamente o segundo lugar:
Magnús heiti ég — "Magnús me chamo" (Chámome Magnús)
Como se ve, un cambio de orde coma este fai que a frase non teña moito senso, isto débese á perda da declinación, se o galego conservase a súa declinación de orixe latina, poderíamos facer este tipo de construcións.
Posesivos[editar | editar a fonte]
Os pronomes posesivos para un só posuídor son:
caso | 1ª persoa | 2ª persoa | 3ª persoa | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
singular | nom. | minn | mín | mitt | þinn | þín | þitt | sinn | sín | sitt |
ac. | minn | mína | mitt | þinn | þína | þitt | sinn | sína | sitt | |
dat. | mínum | minni | mínu | þínum | þinni | þínu | sínum | sinni | sínu | |
xen. | míns | minnar | míns | þíns | þinnar | þíns | síns | sinnar | síns | |
plural | nom. | mínir | mínar | mín | þínir | þínar | þín | sínir | sínar | sín |
ac. | mína | mínar | mín | þína | þínar | þín | sína | sínar | sín | |
dat. | mínum | þínum | sínum | |||||||
xen. | minna | þinna | sinna |
As tres columnas para cada persoa representan masculino, feminino e neutro respectivamente. Minn quere dicir meu, þinn quere dicir teu e sinn quere dicir seu.
Demostrativos[editar | editar a fonte]
Os demostrativos son como seguen:
caso | 1ª persoa | 2ª persoa | 3ª persoa | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
singular | nom. | þessi | þessi | þetta | sá | sú | það | hinn | hin | hitt |
ac. | þennan | þessa | þetta | þann | þá | það | hinn | hina | hitt | |
dat. | þessum | þessari | þessu | þeim | þeirri | því | hinum | hinni | hinu | |
xen. | þessa | þessarar | þessa | þess | þeirrar | þess | hins | hinnar | hins | |
plural | nom. | þessir | þessar | þessi | þeir | þær | þau | hinir | hinar | hin |
ac. | þessa | þessar | þessi | þá | þær | þau | hina | hinar | hin | |
dat. | þessum | þeim | hinum | |||||||
xen. | þessara | þeirra | hinna |
As tres columnas para cada persoa representan masculino, feminino e neutro respectivamente. Þessi e sá raramente corresponde ao este/ese e hinn quere dicir o outro entre os dous.
Indefinidos[editar | editar a fonte]
Hai arredor de quince ou vinte. A continuación amosamos o paradigma de enginn (ninguén) que é declinado da seguinte maneira:
ninguén | caso | Masculino | Feminino | Neutro |
---|---|---|---|---|
singular | nom. | enginn (engi) | engin (engi) | ekkert (ekki) |
ac. | engan (öng(v)an) | enga (öng(v)a) | ekkert (ekki) | |
dat. | engum (öng(v)um) | engri (öngri) | engu (öng(v)u) | |
xen. | einskis (einkis) | engrar (öngrar) | einskis (einkis) | |
plural | nom. | engir (öng(v)ir) | engar (öng(v)ar) | engin (engi) |
ac. | enga (öng(v)a) | engar (öng(v)ar) | engin (engi) | |
dat. | engum (öng(v)um) | |||
xen. | engra (öngra) |
Este é probablemente o pronome máis destacado do islandés. As formas en parentese son dialectais ou formas arcaicas, que só se usan na poesía. Existe unha forma aínda máis arcaica einugi, que é o dativo singular do neutro. Consérvase no refrán:
- Fátt er svo illt, að einugi dugi, raramente se traduce coma:
- Poucas cousas son tan malas que nada axuda.
Reflexivos[editar | editar a fonte]
O islandés posúe un pronome reflexivo, que funcionan dunha maneira parecida co alemán sich. O caso nominativo non existe.
caso | pronome |
---|---|
ac. | sig |
dat. | sér |
xen. | sín |
Por exemplo,
- hann þvær sér — lávase el mesmo,
coma oposición a ser bañado por outro,
- hún klæðir sig — vestíuse el mesma,
coma oposición a ser bestido. O pronome non distingue xénero ou número.
Numerais[editar | editar a fonte]
Os numerais do 1 ao 4 declínanse:
|
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
O resto dos numerais son coma seguen, e non se declinan agas aqueles que son realmente substantivos:
5 | fimm | 19 | nítján |
6 | sex | 20 | tuttugu |
7 | sjö | 21 | tuttugu og einn |
8 | átta | 30 | þrjátíu |
9 | níu | 40 | fjörutíu |
10 | tíu | 50 | fimmtíu |
11 | ellefu | 60 | sextíu |
12 | tólf | 70 | sjötíu |
13 | þrettán | 80 | áttatíu |
14 | fjórtán | 90 | níutíu |
15 | fimmtán | 100 | (eitt) hundrað |
16 | sextán | 1.000 | (eitt) þúsund |
17 | sautján | 1 000 000 | (ein) milljón |
18 | átján | 0 | núll |
A palabra hundrað é en realidade un nome neutro, þúsund pode ser tanto feminino coma neutro e os múltiplos de mil máis altos son masculinos opu femininos, de acordo coa súa terminación, p.ex. milljón é feminino, milljarður é masculino etc. Núll é neutro.
Adxectivos[editar | editar a fonte]
Os adxectivos deben concordar co xénero e co número dos substantivos que describen. Por exemplo, a palabra íslenskur (Islandés) concorda como segue:
Icelandic (forte) | caso | Masculino | Feminino | Neutro |
---|---|---|---|---|
singular | nom. | íslenskur | íslensk | íslenskt |
ac. | íslenskan | íslenska | íslenskt | |
dat. | íslenskum | íslenskri | íslensku | |
xen. | íslensks | íslenskrar | íslensks | |
plural | nom. | íslenskir | íslenskar | íslensk |
ac. | íslenska | íslenskar | íslensk | |
dat. | íslenskum | |||
xen. | íslenskra |
En declinación forte, por exemplo:
- Ég bý með íslenskri konu—Eu vivo cunha muller islandesa
Tanto íslenskri coma konu son dativo singular. Neste caso é a preposición með a que goberna o caso. (Með pode referirse tamén ao acusativo, distinguíndose os casos pola sintaxe.) Este é un exemplo de declinación forte de adxectivos. Se un artigo modifica a un adxectivo, ou calquera outro pronome, úsase a declinación feble, para esta palabra sería íslenskur:
Icelandic (feble) | caso | Masculino | Feminino | Neutro |
---|---|---|---|---|
singular | nom. | íslenski | íslenska | íslenska |
ac., dat., xen. | íslenska | íslensku | íslenska | |
plural | All casos | íslensku |
Un exemplo de declinación feble:
- Ég sá veiku konuna—Eu vin a muller enferma
Veiku é a declinación feble de veikur (enferma) no acusativo singular. Konuna tamén é acusativo singular, pero co artigo definido adxunto (-na), obrigando ao adxectivo a ser feble. Neste exemplo, o verbo goberna o caso.
Aquí existen, polo menos, moitas menos formas que aprender, tres en total, aínda que cómpre saber, xaora, como se distribúen.
Verbos[editar | editar a fonte]
Como en moitos dos idiomas con declinacións, os verbos en islandés determinan (ou gobernan) os casos dos substantivos, pronomes e adxectivos posteriores na oración. Por exemplo:
- Safna ('aforrar ou acumular') goberna o dativo.
- Ég er að safna peningum til þess að geta keypt jólagjöf handa mömmu.
- Estou a aforrar cartos para ser quen de lle mercar un agasallo de Nadal á mamá (Peningum é o dativo plural de peningur (moeda, carto))
- Sakna ('botar de menos') goberna o xenitivo.
- Ég sakna þín
- Bótote de menos
O infinitivo da maioría dos verbos islandeses rematan en -a. As excepcións son uns poucos verbos rematados -á, como slá (‘bater’), flá (‘esfolar’) e outros, os auxiliares munu and skulu, þvo (lavar), orixinalmente þvá, e o empréstito do danés ske (suceder), mal visto polos puristas. Os dous auxilares son importantes, debido a que se usan en moitos lugares para maquillar a pobreza dos tempos simples. Þvo é, loxicamente, moi común, pero ske xeralmente evítase. Existen tres grupos principais de verbos febles en islandés: -ar, -ir, and -ur, referidos ás terminacións que presentan cando se conxugan en terceira persoa do singular do presente de indicativo. Os verbos fortes e mais os irregulares (auxiliares, ri-verbs e valda) son unha cuestión aparte. Tomando o infinitivo tala (‘falar’), por exemplo:
Número | Singular | Plural | ||||
---|---|---|---|---|---|---|
Persoa | ég eu |
þú ti |
hann/hún/það el/ela/(iso) |
við nós |
þið vós |
þeir/þær/þau eles/elas |
tala Falar |
tala falo |
talar falas |
talar fala |
tölum falamos |
talið falades |
tala falan |
Compárese co verbo vera (‘Ser, estar’), verbo forte, e altamente irregular pero útil para a comparación:
vera ser, estar |
er son, estou |
ert es, estás |
er é, está |
erum somos, estamos |
eruð sodes, estades |
eru son, están |
---|
Læra (‘aprender’) é un verbo -i:
læra aprender |
læri aprendo |
lærir aprendes |
lærir aprende |
lærum aprendemos |
lærið aprendedes |
læra aprenden |
---|
E finalmente velja (‘escoller'), que é un verbo -ur:
velja escoller |
vel escollo |
velur escolles |
velur escolle |
veljum escollemos |
veljið escolledes |
velja escollen |
---|
Repárese en como para cada grupo de verbos, as conxugacións no singular cambian, mais no plural as terminacións son case sempre predecibles (-um, -ið e -a, respectivamente). Na maioría dos casos en islandés, os patróns de conxugación pódense aprender doadamente, xa que permanecen regulares en moitos verbos. Porén, cómpre advertir que non se pode determinar como conxugar un verbo simplemente a partir do seu infinitivo, de xeito que un problema da aprendizaxe do islandés é saber a que grupo pertence o verbo. Os verbos fortes encádranse en seis grupos incrementados por duplicacións, cada un deles coas súas propias peculiaridades e excepcións — hai tamén verbos auxiliares e os chamados ' verbos r - xunto co único verbo en islandés que se pode considerar totalmente irregular: valda. Existe unha clasificación máis ou menos sistemática de tódolos verbos, mais os paradigmas cóntanse por ducias.
Algúns infinitivos rematan co sufixo -ja. Estes verbos pódense conxugar coma os verbos -ur, que é o mesmo que dicir que o sufixo pérdese na primeira persoa do singular. Cando conxugamos os verbos -ja, a letra ‘j’ pode obviarse, de xeito que syngja (‘cantar’) sería ég syng (‘Eu canto’) na primeira persoa do singular e non ég syngj. Repárese, porén, que o j en si mesmo non é un indicador fiable. Exemplos disto serían emja (‘berrar’), que pertence a unha clase (primeira persoa do singular, ég emja, pasado ég emjaði) fronte telja (‘contar’), pertencente a outra clase, (ég tel, pasado ég taldi).
Tempos[editar | editar a fonte]
Estritamente falando, só hai dous tempos simples, presente simple e pasado simple. Os demais fórmanse usando construcións auxiliares (algúns deles considéranse coma tempos e outros coma aspectos). Por exemplo, o presente continuo úsase do seguinte xeito:
- pronome persoal + vera + að + verbo en infinitivo
- ég er að læra
- Estou a aprender
Porén, cómpre reparar en que esta construción só se aplica polo xeral a conceptos abstractos, e non para actividades, por exemplo, sentarse non a usaría. Pola contra, o pasado simple si que a pode usar.
Os tempos colectivos son:
- condicional
- futuro
- pasado
- contínuo
- perfecto
- subxuntivo
- presente
- continuos
- perfecto
- subxuntivo
Voces[editar | editar a fonte]
O islandés posúe a voz media xunta coa activa e a pasiva. Os verbos en voz media sempre rematan en -st; este final pode ser engadido tanto ao infinitivo coma ás formas verbais conxugadas. Para estas últimas, os finais das segunda e terceira persoa (i.e. -(u)r, -ð e -rð) suprímense, como tamén as consoantes dentais (ð, d e t). Comparemos o verbo breyta (‘cambiar’) coas súas formas en voz media:
breyta cambiar |
breyti cambio |
breytir cambias |
breytir cambia |
breytum cambiamos |
breytið cambiades |
breyta cambian |
---|---|---|---|---|---|---|
breytast cambiar |
breytist cambio |
breytist cambias |
breytist cambia |
breytumst cambiamos |
breytist cambiades |
breytast cambian |
A voz media de moitos verbos implican un significado lixeiramente diferente. Algúns verbos sobreviven só nesta forma, perdendo as outras ao longo do tempo. A voz media úsase normalmente nas seguintes situacións:
- Reflexiva— No lugar dun pronome reflexivo, por exemplo: Þór meiðir sig ⇒ Þór meiðist (‘Þór férese’)
- Reciprocidade— Por exemplo: Þór talar við Stefán og Stefán talar við Þór ⇒ Þór og Stefán talast við (‘Þór e Stefán falan entre eles’)
- Un significado alternativo— Como se dixo anteriomente, algunhas voces medias poden achegar significados diferentes dos que teñen os verbos dos que derivan, por exemplo, koma, (‘vir’) convértese en komast (‘conseguir alí') e gera (‘facer’) pasa a ser gerast (‘suceder’)
- Activa— Nalgunhas situacións, a voz media úsase para expresar unha idea para a cal nos empregariamos a activa en galego. Por exemplo, a oración bíllinn sést ekki tradúcese como ‘o coche non pode verse’. Máis a miúdo, utilízase neste contexto cando non hai referencia directa a ningnunha persoa gramatical.
Modos[editar | editar a fonte]
Como moitas outras linguas indoeuropeas, o islandés posúe o modo subxuntivo. Úsase a miudo, para se referir a situacións cun certo grao de hipoteticidade, pero máis especificamente nas situacións seguintes:
- En estilo indirecto— Por exemplo, co verbo segja na seguinte oración: Jón segir að hún komi (‘Jón dixo que ela está a chegar’)
- Para expresar incerteza— Despois de verbos coma vona (‘agardar’ no sentido de querer), óska (‘desexar’), halda (‘crer’), búast við (‘agardar, desexar’), óttast, vera hræddur um (‘temer’) and gruna (‘sospeitar’): ég vona að henni batni (‘Agardo que se poña mellor’)
- Oracións interrogativas— Especificamente logo do verbo spyrja (‘preguntar’): Jón spyr hvort þú ætlir að borða með okkur (‘Jón pregúntase cando virás comer con nós’)
- Con conxuncións— O subxuntivo utilízase coas conxuncións nema (‘a menos que’), þó að/þótt (‘aínda que’), svo að (‘de xeito que’), til þess að (‘coa fin de, co obxecto de’)
Adverbios[editar | editar a fonte]
Comparados con outras categorías gramaticais, os adverbios en lingua islandesa son relativamente sinxelos e non se declinan, agás nalgúns casos para facer comparacións. Pero aínda nestes casos pódense construir doadamente a partir dos adxectivos, os substantivos ou os verbos. Estes adverbios derivados con frecuencia rematan en -lega (aproximadamente equivalente ao sufixo -mente en galego):
- nýr—novo ⇒ nýlega—ultimamente (lit. novamente)
Nota: Os adverbios rematados en-lega pódense declinar para facer comparacións, o que os converte nun grupo propio grande dabondo. Por exemplo:
- hætta—perigoso ⇒ hættulega→hættulegar→hættulegast, i.e. perigosamente→máis perigosamente→o máis perigosamente.
Esta sería unha forma regular a para formar adverbios. Outro xeito é coller o nominativo singular neutro dun adxectivo e convertelo nun adverbio:
- blítt—dóce ⇒ blítt—docemente, cf. hún sefur blítt—ela dorme docemente
Outro xeito é tomar a raíz dun adxectivo e engadirlle un a:
- illur—malo ⇒ illa—malamente, cf. hann hagar sér illa—el comportouse malamente (illur nunca leva o sufixo -lega).
Algúns adverbios son:
- bráðum—cedo
- núna—agora
- oft—a miúdo
- strax—axiña
Outros adverbios básicos inclúen, entre outros:
- austur—leste
- norður—norte
- suður—sur
- vestur—oeste
- inn—en
- innan—desde dentro
- utan—desde fóra
- út—fóra
Inn e út denotan movemento, ir cara dentro e ir cara fóra.
Outras clases de palabras[editar | editar a fonte]
Preposicións[editar | editar a fonte]
As preposicións determinan o caso dos substantivos que as seguen. Velaquí algúns exemplos:
acusativo | dativo | xenitivo | ac. ou dat. dependendo do contexto |
---|---|---|---|
um—acerca de | að—con | til—a, cara | á—en, sobre |
gegnum—a través | af—de | án—sen | eftir—despois |
umfram—xunta con | frá—de, desde | meðal—en medio de | fyrir—antes |
kringum—arredor | hjá—con | milli—entre | í—en |
umhverfis—arredor | úr—fóra de | sökum—debido a, como consecuencia de | með—con |
andspænis—oposto a | vegna—a causa de | undir—debaixo de | |
ásamt—ao longo de | handan—alén de | við—por | |
gagnvart—cara a | innan—dentro de | yfir—sobre, enriba de | |
gegn—a través | utan—fóra de | ||
gegnt—con respecto de | ofan—enriba de | ||
handa—para | neðan—embaixo | ||
meðfram—ao longo de | |||
móti—contrario | |||
undan—desde abaixo |
Sintaxe[editar | editar a fonte]
A orde das palabras en islandés é SVO (suxeito-verbo-obxecto), xeralmente falando, co suxeito e o verbo invertidos nas preguntas e cando a oración principia cun adverbio. Porén, a flexibilidade do sistema permite unha considerable liberdade á hora de ordenar as palabras.
Malia isto, existen certas reglas de sintaxe que son relativamente inflexibles. Por exemplo, o verbo principal debe sempre ir en segundo lugar na oración. Este feito coñécese co nome de orde de palabras V2, e é común nas linguas xermánicas. Véxase o exemplo seguinte (suxeito en amarelo, verbo en azul, obxecto en vermello):
- Mannfjöldinn var 1.500—A poboación era 1.500
Aquí o elemento var (a terceira persoa do singular do pasado simple do verbo vera, ‘ser’, i.e. ‘era’) é a segunda unidade gramatical da oración. Se mudamos a oración:
- Árið 2000 var mannfjöldinn 1.500—No 2000, a poboaciónn era 1,500
Neste caso, var é aínda a segunda unidade gramatical da oración, a pesar de non ser a segunda palabra na oración. O sintagma preposicional árið 2000 (destacado en verde) conta coma unha unidade gramatical, de xeito que o verbo, como segunda unidade, debe aparecer logo de 2000 e non de árið. Suxeito e obxecto aparecen despois. Unha excepción a esta regla xorde cando se forman preguntas mediante inversión:
- Stefán er svangur—Stefán está anoxado
convértese na pregunta:
- Er Stefán svangur?—Stefán está anoxado? lit. Está Stefán anoxado?
Neste caso, suxeito e obxecto invírtense para formaren unha pregunta, pasando o verbo a ser a primeira unidade da oración no canto da segunda. Este método de formar preguntas úsase en moitos idiomas, coma por exemplo o inglés.
As interrogativas[editar | editar a fonte]
Como vimos, as preguntas fórmanse facilmente reordenando a orde da frase, isto é, pasando de suxeito-verbo-obxecto a verbo-suxeito-obxecto. Por exemplo:
- Þú talar íslensku.—Falas islandés.
pódese pasar a pregunta como segue:
- Talar þú íslensku?—Falas islandés? (lit. Falas ti islandés?)
Cómpre salientar que a miúdo unha forma de elipse dáse cando realizamos preguntas en segunda persoa; o verbo e þú teñen tendencia a se fusionaren para facilitaren a pronuncia. Isto reflíctese na escrita, de xeito que con frecuencia atoparemos a forma talarðu no canto de talar þú. O cambio sufrido é a transformación da xorda dental fricativa þ na sonora dental fricativa ð. Esta regla aplícase a varios verbos, algúns deles coas súas propias formas especiais (por exemplo vera, ‘ser, estar’, ten a forma ertu).
A regla da inversión tamén se aplica cos interrogativos, que se engaden ao inicio da frase. Os interrogativos en islandés son:
- hvað?—que/como?
- Hvað ert þú að gera?—Que estás facendo?/Que estás a facer? (lit. Que estás ti a facer?)
- hvaða?—que?
- Hvaða hundur?—Que can?
- hver?—quen?
- Hver ert þú?—Quen és ti?
- hvernig?—Como?
- Hvernig hefur þú það?—Como estás? (lit. Como tes ti iso)
- hvar/hvert/hvaðan?—onde/de onde?
- Hvar ert þú?—De onde es ti?
- Hvert ert þú að fara—Onde vas? (lit. Onde estás ti a ir?)
- Hvaðan kemur þú?—De onde vés? (lit. De onde vés ti?)
- hvenær?—cando?
- Hvenær kemur þú?—Cando vés? (lit. Cando vés ti?)
- hvers vegna/af hverju/hví?—Por que?
- Hvers vegna hann?—Por que el?
- Af hverju ekki?—Por que non?
- Hví?—Por que?
- hvort?—se/cal?
- Hvort hann komi, veit ég ekki.—Non sei se vén ou non. (lit. Se el vén, sei eu non.)
- Hvort vilt þú?—Cal queres? (lit. Cal queres ti?, implicando unha escolla entre dúas alternativas.)
Non obstante, os pronomes interrogativos (hvað/hver) deben declinarse cos verbos que modifican, de xeito que o caso do verbo mudará dependendo do verbo. O significado da oración non cambia usando hvers vegna ou af hverju; porén deben ser usados dun xeito específico. Hví apenas se utiliza.
Cambios de pronuncia[editar | editar a fonte]
Existe un certo número de mudanzas na pronuncia , detallados abaixo, e que ocorren en todos os tipos de palabras.
A-umlaut[editar | editar a fonte]
É o umlaut máis vello de todos, aparecendo en todos os idiomas xermánicos, agás, quizais , o gótico. Pode darse en dúas variantes:
- i ⇒ e (como por exemplo niður vs. neðan).
- u ⇒ o. Exemplos serían fugl (cf. inglés fowl) ou stofa (cf. alemán Stube).
Non é demasiado frecuente.
U-umlaut[editar | editar a fonte]
Dáse cando unha vogal a muda a ö pola presenza dun u na seguinte sílaba. Isto só afecta ó a, e non ó á ou au. Algúns exemplos:
- tala—falar ⇒ (við) tölum—falamos
- fara—ir ⇒ (við) förum—imos
Se hai unha sílaba intermedia entre o primeiro a e o u, o cambio non se produce.
Se hai dous a's precedendo o u, o primeiro a convértse en ö e o segundo en u. Un exemplo:
- fagnaður—ledicia ⇒ fögnuðum—ledicias (dativo, plural).
As excepcións a esta regla inclúen varios empréstitos, por exemplo banani—banana ⇒ banönum (dativo plural) and Arabi—Arab ⇒ Aröbum (tamén dativo plural).
Historicamente, existiron catro formas máis de U-umlaut; apenas se usan ou foron retiradas.
I-umlaut[editar | editar a fonte]
O I-umlaut é lixeiramente máis complexo, e consiste nos seguintes cambios de vogais:
- a ⇒ e
- á ⇒ æ
- e ⇒ i
- o ⇒ e
- ó ⇒ æ
- u ⇒ y (Ás veces aparece como se o ⇒ y, mais nunca é este caso concreto. Un exemplo: Sonur (singular) ⇒ synir (plural) dá a impresión de ser un I-umlaut, pero a vogal orixinal sonur foi un u cambiada a o polo A-umlaut.)
- ú, jú e jó ⇒ ý
- au ⇒ ey
Ademais, outras mudanzas xa en desuso son:
- o ⇒ ø
- ǫ ⇒ ø
Outros umlauts[editar | editar a fonte]
Historicamente, houbo moitísimos máis umlauts en islandés , incluíndo:
- IR-umlaut
- J-umlaut
- R-umlaut
- G-k-umlaut
- W-umlaut
Estes teñen un ámbito moito máis limitado, e operan dun xeito moi semellante aos arriba mencionados, isto é, teñen máis ou menos os mesmos efectos. Feitas as referencias anteriores aos umlauts que xa están en desuso, é preciso facer fincapé que os I- e U-umlauts están moi vivos, como parte integrante do sistema de declinacións que se usa decote como ferramenta para a composición de neoloxismos.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para islandés.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Unha minigramática islandesa, Intercomprehension in Germanic Languages Online / Universidade de Tromsø, 2003 (en inglés).
- Mimir - Gramática islandesa máis exhaustiva (en inglés).
- Verbix - Conxugador de verbos islandeses (en inglés).
- Vocabulario islandés-catalán (en islandés), (en catalán).
- Ferramenta para a declinación dos substantivos en islandés. En islandés.
Nórdicas |
| |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Occidentais |
|